Ás voltas coa lingua galega no Cmus Vigo
Que é un serán?
Que é un serán?

Que é un serán?

O serán

Se a música era importante na vida cotiá das aldeas, a actividade social onde a música de tradición oral cobraba máis importancia era o serán. O Serán é o nome que se lle daba na provincia de Pontevedra ás reunións de carácter festivo que se facían nas aldeas de toda Galicia cando se puña o sol (polo serán) e que adoitaban durar ata ben entrada a noite. Este tipo de festas recibía diferentes nomes dependendo da zona na que se celebraban, así que se en Pontevedra atopamos seráns, noutras zonas atopamos foliadas, pandeiretadas, ruadas, fiadas, polavilas, rondas, fiadeiros… Nestas festas participaba a meirande parte da vecindade do lugar, e nelas cantábase, tocábase, bailábase… funcionaban como punto de encontro, de relación social. A mocidade aproveitaba estas festas para relacionarse, mocear e namorar se se daba a oportunidade.

O tipo de construcción onde se celebraban estas festas variaba dunhas parroquias a outras e duns anos a outros. Adoitaban ser cortes, alboios cubertos ou algún caseto comunal que se convertían por un ano na casa do Serán. Preparado e engalanado principalmente por mulleres, moitas horas eran as que se pasaban alí.

Principalmente ao son das pandeiretas bailábase o serán enteiro, ou o que é o mesmo, a serie de ritmos obrigados desde a jota e a muiñeira ata chegar aos agarrados. E logo, volta a empezar, cambio de parella. O gaiteiro era unha figura moi apreciada nos seráns: aliviaba ás mozas de tocar e cantar todo o tempo e podían bailar máis. Pero non había moitos e estaban moi requeridos, así que non era o habitual contar con eles. Os instrumentos reis do serán eran pois as pandeiretas. Tamén atopamos combinados con elas outros instrumentos como as cunchas, castañetas, ferriños ou pandeiros.

Algo tamén característico en moitas aldeas era anunciar o serán, cos chamados cantos de anuncio onde algunha persoa do lugar desde algún alto botaba coplas ao aire, convidando á xente da propia parroquia e doutras veciñas …

Durante o franquismo os seráns estiveron perseguidos e prohibidos. O cura da parroquia ou a garda civil podía aparecer e dar por rematada a festa. A xente que non daba fuxido a tempo expúñase a sancións económicas e mesmo as pandeiretas podían ser requisadas.

Pola represión e pola evolución das maneiras de entretemento, este tipo de festas desapareceron case por completo. Actualmente, cunha forza renovada, recollen esta tradición case perdida conservada na memoria dos maiores. No serán hai música, baile, bebida e comida. Asociacións de veciños, grupos folclóricos ou outro tipo de institucións organizan actualmente o serán. Non hai carteis pechados e a participación de intérpretes e bailadores é libre. Véndense rifas e sortéanse obxectos e/ou alimentos (un xamón, unha folla de bacallau, unha cacheira, un libro, un pano da cabeza…). O máis importante segue sendo a parte social da festa; e canta máis xente, mellor.

Esta noite hai un serán-e

non me deixan ir a el.

Coitado do meu irmán-e,

quen ha de bailar con el.

Bailadores do torreiro

Ben “podéis” considerar-e

que os que tocan o pandeiro

Tamén queren ir bailar-e

Bailador, bailadoriño,

bailador, bailadorán-e.

O que ha de ser bailador-e

ha de bailar no serán-e.

Este seranciño mozas

Faise no medio da rúa.

A noite que a el no vou

Non me quenta sol nin lúa.