Ás voltas coa lingua galega no Cmus Vigo
100 anos de Ricardo Portela
100 anos de Ricardo Portela

100 anos de Ricardo Portela

Este ano 2020 cúmprense 100 anos do nacemento do gaiteiro Ricardo Portela (1920-1992). Nacido en Viascón (Cotobade, Pontevedra) é recoñecido como un dos máis destacados intérpretes do século XX. Tamén exerceu como profesor, e moitos dos seus alumnos son hoxe grandes gaiteiros e mestres. Son moitas as obras popularizadas por Ricardo Portela, que figuran actualmente nos repertorios de agrupacións e solistas. Algunhas delas do repertorio de Avelino Cachafeiro e do seu grupo Os Gaiteiros de Soutelo de Montes, os grandes admirados de Don Ricardo. Destacan a Muiñeira de Chantada, Muiñeira de Pontesampaio, Aires de Pontevedra, Farruquiña chaman á porta, Foliada das Rías Baixas, A Alfonsina, Heicho de dar queridiña, Muiñeira de Cabanas e un longo etcétera. Entre as súas publicacións discográficas destacan Irmáns Portela (1968), Festa en Viascón (1980), e Alborada en Cotobade (1990). O estilo interpretativo de Ricardo Portela destaca pola claridade no discurso, a pesar da gran cantidade de ornamentos que empregaba. O característico ritmo acabalgado das súas muiñeiras e o profuso uso de picados longos transforman as melodías converténdose en melodías “Portelianas”. Defendía o uso do chamado toque pechado frente á dixitación aberta (máis empregada polas novas xeracións), e actualmente o seu xeito de dixitar coñecémolo como pechado Portela. O concello de Pontevedra organiza desde o ano 2000, na súa memoria, o “Memorial Ricardo Portela e Irmáns Pichel”, un concurso con participantes de toda Galicia, na modalidade de toque pechado solista.

O EDLG do Conservatorio Profesional de Música de Vigo súmase aos talleres organizados polo Departamento de Música Tradicional, dando visibilidade ao seu traballo arredor da figura deste gaiteiro. O alumnado repartiuse en diferentes grupos de traballo, onde algunhas persoas investigan sobre o impacto, vida, discografía e estilo do gaiteiro, outras transcriben algunhas das pezas máis representativas do seu repertorio, e outras interpretan obras popularizadas por Ricardo Portela. Antes de que remate este ano de conmemoración, colgaremos un vídeo resumo das actividades realizadas neste espazo do EDLG na páxina web do centro.