Como todos os anos, no Cmus Profesional de Vigo seguimos aumentando a exposición de personaxes do entroido en Galicia. Este ano viaxamos a Entrimo, na provincia de Ourene para coñecer a Madamitas e Madamitos e poder colocar unha representación dos mesmos no hall do centro. Coñecías xa este personaxe?
Esta figura do entroido de Entrimo (Ourense), xurdiu no século XIX, pero deixou de saír á rúa durante moitos anos quedando unicamente na memoria dos maiores, En 2004 foron recuperados estes personaxes grazas á memoria colectiva da veciñanza de Entrimo e tamén á documentación que nos deixou Otero Pedrayo na súa Enciclopedia Galega: “Este traxe dos madamitos e madamitas ridiculiza o señorío que había antes nas vilas, e para facer ese ridículo sacaban o interior ao exterior”. Refírese á roupa interior, as enaguas no caso das mulleres e as cirolas ou calzóns no caso dos homes “A cara ía tapada para que non os recoñecesen e non houbese represalias”.
As Madamitas levan sombreiro de palla engalanado con fitas de cores e un veo por riba da cara con tea de tul branco. Misturan roupa do campo con elementos das “señoritas” como o bolso e o abano. Nos pés zapatillas de esparto brancas, media branca nas pernas e enagua. Por riba camisa de liño e chal de cor con freco.
Os Madamitos, mofa dos señores, levan un bigote propio da época e en lugar dun sombreiro levan un cucurucho con fitas estilo bufón. Tamén pololos, que son propios das mulleres. Van vestidos enteiramente de branco con garavata e faixa vermellas. Ambos levan luvas tamén brancas e careta.
Teñen pois particularidades propias e elementos que se repiten nos disfraces tradicionais de concellos próximos, como unhas pequenas chocas no parte traseira ou unha vara para levantar as saias das mulleres.
Os desfiles pola rúa de Madamitas e Madamitos levan aparellados ademais dun gaiteiro e un carro de vacas adornado de flores, outros personaxes seculares: os FARANDULLEIROS. Van vestidos de vellos e vellas, e tradicionalmente botaban cagallas de cabra a Madamitas e Madamitos. Actualmente botan borrallo ao longo de todo o percorrido.

