Chega o outono, e con el a caída das follas das árbores, os cogumelos, as castañas, e… as cabazas, cabazos, cabaceiras, calacús, calacueiras, botefas, abóboras… chega o frío. Como cada ano, no Cmus Vigo celebraremos a fin do verán celebrando o noso particular Samaín con dúas actividades principais os días 29 e 30 de outubro: A Petición de esmoliñas e os Concertos terroríficos.
Os Concertos terroríficos son pequenas intervencións musicais que se poden escoitar nos últimos 15 minutos de cada hora no hall do auditorio. Para poder participar, o alumnado soamente terá que falar co seu profesorado, quen se encargará de apuntar a proposta musical na sala de profes. Todas as propostas conformarán o programa terrorífico para os días 29 e 30 de outubro.
Para conseguir as esmoliñas teremos que buscar carteis do samaín polas portas das aulas nos cambios de clase e responder correctamente a unha pregunta relacionada coa música. Esta actividade pensada para o alumnado máis miúdo do centro, conéctanos cunha tradición moi antiga en Galicia.

O Samaín é unha tradición recuperada en practicamente toda Galicia, sendo o profesor Rafael López Loureiro coa asociación Chirlateira de Cedeira unha persoa clave nesta recuperación. Sen embargo, como el mesmo afirma, hai lugares onde esta festividade nunca deixou de celebrarse e moitos dos costumes que caracterizan esta festa seguen presentes en diferentes localidades. Un exemplo disto témolo na Illa de Arousa, onde o día 2 de novembro, día de defuntiños, a rapazada vai polas casas e polas tendas para obter recompensas. Estes nenos e nenas piden polos mortos coa frase “unha limosniña para os defuntiños que (xa) van alá” e non co “truco e trato”, tradución do “trick or treat” do Halloween americano. As recompensas na actualidade son principalmente lambetadas, pero antigamente o que se daba nas casas eran patacas, cebolas, espigas de millo, castañas… o que producía a terra. Se pedían nunha panadería podían levar algo de pan e aínda que excepcioanlmente, nalgunha tenda podían dar algo doce.
O Faiado da memoria realizou este vídeo sobre esta tradición na Illa de Arousa
No Conservatorio Profesional de Música de Vigo queremos sumarnos a esta celebración poñendo o acento na música. Nalgunhas aulas o alumnado poderá conseguir recompensas seguindo as instrucións que figuran no cartel. As aulas nas que podes obter recompensas terán este mesmo cartel pegado na porta. Para pedir, terán que aprender a frase “unha limosniña para os defuntiños que van alá” e dicila ao entrar na aula no cambio de clase. Terán tamén que respostar correctamente a unha pregunta sobre música que o profesorado realizará adecuándoa ao curso do alumnado. De respostar correctamente obterán a recompensa, que será diferente en cada aula. En caso de non saber a resposta, poderán investigar pola súa conta e repetir máis tarde na mesma porta; dando a resposta correcta, levarán a recompensa.
A historia
Na cultura celta, o ano dividíase en dúas partes: unha metade escura, que comenzaba no cambio de lúa de outubro a novembro (Samonios) e outra metade clara no cambio entre abril e maio (Giamonios). O ano comezaba coa metade escura, polo que o Samaín era a celebración do ano novo celta. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o porco de samaín e celebrar as festas dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano, xa que as portas do outromundo abríanse e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo.
Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto dos muros ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caveiras coa cortiza das cabazas, melóns, cabazos, calacús ou calabazotes. Esta tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea e en Galiza atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando costumes similares aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense…etc.
As últimas investigacións aseguran que o Halloween é unha variación do Samaín europeo, que foi levado polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse nunha especie de carnaval de outono.
A chegada dos romanos e do cristianismo fixo que moitas destas tradicións celtas desaparecesen ou mudasen dando paso a festividades de carácter relixioso. É o caso do día de Defuntos ou Todos os Santos que se celebra o día 1 de novembro, e que é día festivo en toda España. Algúns dos costumes deste día mantéñense, pero outros xa forman parte do pasado. Destacamos os seguintes:
- Os que teñen familiares enterrados no cemiterio limpan as sepulturas, levan flores e acenden unha lámpada de aceite, posto que as luces acesas son símbolo de vida.
- Nalgunhas zonas os cregos rezan responsos nos cemiterios.
- Moitos confesan e comungan para gañar indulxencia para familiares mortos
- Nas casas, ás doce da noite, déixase unha mesa posta para que coman os mortos. Tamén déixanse castañas do magosto para que coman os defuntos.
- Nos soutos déixase a cacharela prendida, para que as ánimas que veñan á festa poidan quentarse… Estes costumes, foron perdéndose en Galicia.
- Realízanse colares feitos con castañas cocidas (zonchos). Cada castaña comida smboliza unha alma liberada do purgatorio. Os pequenos adoitan xogar con eses colares antes de comelos.
- Os nenos e nenas piden polos que xa non están de porta en porta
- Baléiranse e tállanse cabazas con caras que dan medo.
O magosto é unha festa íntimamente relacionado co día dos mortos. A parte profana do magosto é quizais a que aínda se celebra con máis forza nos meses de outubro e novembro. Os rapaces e rapazas xogan a tisnarse a cara coas cinsas, cántanse coplas alusivas ás castañas e a música dos grupos de música tradicional amenizan a festa.
Pingback: SAMAÍN 2025 – CMUS VIGO