Ás voltas coa lingua galega no Cmus Vigo
Letras Galegas 2025
Letras Galegas 2025

Letras Galegas 2025

Como saberedes, este ano as cantareiras son protagonistas. A poesía popular oral ou a lírica popular de Galicia personifícanse este ano en sete mulleres pandeireteiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Hai moitas máis cantareiras, xa o sabemos, e temén homes aínda que en moita menor proporción. No Cmus Profesional de Vigo estamos preparando unha pequena exposición titulada “Cantareiras”, onde poderemos coñecer algún nome máis.
Aquí vos deixamos algunha información recollida no portal da Real Academia Galega. sobre as sete homenaxeadas:


 

Fotografía de Adolfina e Rosa Casás na vila da igrexa (Cerceda) retratadas por Dorothée Schubarth

Adolfina Casás Rama (1912–2009) e Rosa Casás Rama (1914–2005)
As dúas naceron na Vila da Igrexa (Cerceda) e morreron en Culleredo e na Coruña, respectivamente. Son tía e sobriña, cantadoras e pandeireteiras, con sona na contorna. Sabemos das súas circunstancias persoais polo labor de Richi Casás, neto de Rosa e sobriño neto de Adolfina, que, como músico, deu a coñecer as súas voces.

Ambas, fillas de solteira, criáronse xuntas e aprenderon a cantar no seo da familia. Viviron en condicións de moita pobreza, pero eran mulleres xenerosas que compartían todo o que tiñan, fortes e creadoras de ledicia, en palabras de Rafael Casás. A súa habilidade para o canto facía que fosen requiridas para cantar nos traballos comunais e nas foliadas, pois eran recoñecidas por estes saberes pola xentes do lugar. A carencia económica non implicaba ausencia de instrumentos: pandeireta se a había, se non, pratos, cuncas ou testos de potas, calquera utensilio servía como elemento de percusión. Cos cambios acaecidos no medio rural, Rosa emigrou a Suíza e a Nottingham (Inglaterra) na década de 1960. Volvéronse xuntar na década de 1980, onde recuperaron o seu xeito de cantar e tocar, agora nas celebracións familiares. Foi nesa época cando coñeceron a Dorothé Schubarth, que recolleu o seu canto para o Cancioneiro popular galego (1982). A investigadora destacou delas a súa variedade de melodías, a orixinalidade das coplas e a capacidade de improvisación. Máis tarde, aCentral Folque editou o libro-cedé Fuliada na VIla (2020), de Richi Casás.


As Pandeireteias de Mens na praza da Quintana con Manuel Cajarville Pensado

Manuela Lema (1913-1993), Teresa García Prieto (1914-1979) e Prudencia (1905-1993) e Asunción Garrido Ameixenda (1915-2007), Pandeireteiras de Mens
As Pandeireteiras de Mens, tamén chamadas As Vellas de Mens, foron un grupo de labregas da parroquia malpicá que lles deu o nome: Prudencia Garrido Ameixenda e a súa irmá Asunción, do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Adela e Teresa finaron hai menos de dez anos, o que impide que poidan ser formalmente mencionadas na candidatura no Día das Letras Galegas 2025. Outros compoñentes foron Teresa García Prieto (1914-1979), Teresa da Cambada, formante do grupo nos seus primeiros tempos, e mais Jesús do Redondo e Alfonso de Beán, bailadores (este último, fillo de Prudencia).

Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música formando parte, a partir de 1972, da Agrupación Folclórica Aturuxo, tras contactar con elas o seu director artístico, Manuel Cajaraville Pensado. Foron informantes do Cancioneiro popular galego, estudáronse os seus bailes e cantos no libro Debullando folklore de Manuel Cajaraville e puxéronse como exemplo de tocar a pandeireta co puño pechado no libro Os segredos da gaita de Xosé Lois Foxo. 

A historia das Velliñas de Mens foi rescatada nunha obra de Beatriz Busto Miramontes, musicóloga e antropóloga social. No seu relato e estudo etnomusicolóxico –titulado Pandereteiras de Mens (aCentral Folque, 2021)– refírese a elas como a cabeza visible e audible do rexurdimento moderno da música bailable de tradición oral en Galicia; e conta como as cinco veciñas de Malpica de Bergantiños aproveitaron as oportunidades que o folclore, que outrora enchía de coplas e baile as rogas, agora lles presentaba para viaxaren e viviren experiencias que se supuñan pouco adecuadas para a súa idade e orixe. Elas, pola súa parte, fixeron patente que, ademais dos gaiteiros, cumpría ter en conta as mulleres e o patrimonio oral que representaban. 

Parafraseando a propia Busto, as Pandeireteiras de Mens foron mulleres, labregas, vellas, vestidas de negro, do rural, que accederon a un lugar visible e público, a un escenario, naqueles anos setenta. Situaron na escena o que estaba fóra do canon, por non representaren os modelos urbanos e burgueses, por seren mulleres, por non seren novas. Supón unha reivindicación en clave feminina: con elas comezou o proceso de plena conciencia de mirar para o patrimonio oral feminino e visibilizalo.


Eva Castiñeira retratada por Pablo Quintana, coordinador do disco Recolleita, onde rexistrou a voz da cantareira de Muxía

Eva Castiñeira (1925-2008)

Naceu no lugar de Agranzón, en Muxía. De ben nova, con só oito anos de idade, xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e mais coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma.

A principios de 1980 traballaba na casa de Tino Maceiras, un dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e comentoullo a Rodrigo Romaní, tamén membro de Ruada, fundador e integrante de Milladoiro. En 1981, a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada, canda as interpretacións de Florencio López Fernández, o cego dos Vilares, no álbum Recolleita, un traballo etnográfico coordinado por Pablo Quintana. Ese mesmo ano, Milladoiro convidou a Eva Castiñeira a participar nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña. Converteríase deste xeito, canda a súa irmá Engracia, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk. Despois virían tres novas tocadoras, Felisa Segade, Cristina García e Pilocha Rivas, no álbum de Milladoiro Galicia no país das maravillas (1986), gravado no estudio dublinés Windmill Lane.

Comezaba así un novo ronsel que se proxecta ata as Tanxugueiras, pasando por Leilía, grupo que lle dedicou á memoria de Eva Castiñeira o seu disco Consentimento (2012), dende a consciencia de que, coma tantas mulleres creadoras e artistas, non obtivera en vida o recoñecemento merecido. Unha homenaxe á muller galega, como creadora, conservadora e transmisora da tradición oral galega.

Outras pezas que lle debemos a Eva Castiñeira son o “Valse de Agranzón” (orixinalmente “Valse corrido”), que ten interpretado Xabier Díaz; “Ao pasar pola Coruña”, incluído por Luar na Lubre no disco Mar maior (2012), e cantado tamén por Pinto de Herbón nos tempos do rock bravú e en concerto con Manu Chao; ou a chamada “Jota de Eva”, que Leilía incluíu, cantada por ela mesma, no devandito disco de homenaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

🍪 Xestión de cookies

Utilizamos cookies para mellorar a túa experiencia. Se rexeitas as de terceiros, bloquearanse automaticamente.