Ás voltas coa lingua galega no Cmus Vigo
O SAMAÍN
O SAMAÍN

O SAMAÍN

cartaz xeral coas instrucións do samaín

Chega o outono, e con el a caída das follas das árbores, os cogumelos, as castañas, as cabazas, calacús, abóboras… chega o frío.

A palabra samaín, de orixe gaélica, significa precisamente fin do verán.

O Samaín é unha tradición recuperada en practicamente toda Galicia, sendo o profesor Rafael López Loureiro coa asociación Chirlateira de Cedeira unha persoa clave nesta recuperación. Sen embargo, como el mesmo afirma, hai lugares onde esta festividade nunca deixou de celebrarse e moitos dos costumes que caracterizan esta festa seguen presentes en diferentes localidades. Un exemplo disto témolo na Illa de Arousa, onde o día 2 de novembro, día de defuntiños, a rapazada vai polas casas e polas tendas para obter recompensas. Estes nenos e nenas piden polos mortos coa frase “unha limosniña para os defuntiños que (xa) van alá” e non co “truco e trato”, tradución do “trick or treat” do Halloween americano. As recompensas na actualidade son principalmente lambetadas, pero antigamente o que se daba nas casas eran patacas, cebolas, espigas de millo, castañas… o que producía a terra. Se pedían nunha panadería podían levar algo de pan e aínda que excepcioanlmente, nalgunha tenda podían dar algo doce.

O Faiado da memoria realizou este vídeo sobre esta tradición na Illa de Arousa

(72) DIA DE DEFUNTIÑOS – YouTube

No Conservatorio Profesional de Música de Vigo queremos sumarnos a esta celebración poñendo o acento na música. Nalgunhas aulas o alumnado poderá conseguir recompensas seguindo as instrucións que figuran no cartel. As aulas nas que podes obter recompensas terán este mesmo cartel pegado na porta. Para pedir, terán que aprender a frase “unha limosniña para os defuntiños que van alá” e dicila ao entrar na aula no cambio de clase. Terán tamén que respostar correctamente a unha pregunta sobre música que o profesorado realizará adecuándoa ao curso do alumnado. De respostar correctamente obterán a recompensa, que será diferente en cada aula. En caso de non saber a resposta, poderán investigar pola súa conta e repetir máis tarde na mesma porta; dando a resposta correcta, levarán a recompensa.

A historia

Na cultura celta, o ano dividíase en dúas partes: unha metade escura, que comenzaba no cambio de lúa de outubro a novembro (Samonios) e outra metade clara no cambio entre abril e maio (Giamonios). O ano comezaba coa metade escura, polo que o Samaín era a celebración do ano novo celta. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o porco de samaín e celebrar as festas dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano, xa que as portas do outromundo abríanse e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo.

Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto dos muros ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caveiras coa cortiza das cabazas, melóns, cabazos, calacús ou calabazotes. Esta tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea e en Galiza atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando costumes similares aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense…etc.

As últimas investigacións aseguran que o Halloween é unha variación do Samaín europeo, que foi levado polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse nunha especie de carnaval de outono.

A chegada dos romanos e do cristianismo fixo que moitas destas tradicións celtas desaparecesen ou mudasen dando paso a festividades de carácter relixioso. É o caso do día de Defuntos ou Todos os Santos que se celebra o día 1 de novembro, e que é día festivo en toda España. Algúns dos costumes deste día mantéñense, pero outros xa forman parte do pasado. Destacamos os seguintes:

  • Os que teñen familiares enterrados no cemiterio limpan as sepulturas, levan flores e acenden unha lámpada de aceite, posto que as luces acesas son símbolo de vida.
  • Nalgunhas zonas os cregos rezan responsos nos cemiterios.
  • Moitos confesan e comungan para gañar indulxencia para familiares mortos
  • Nas casas, ás doce da noite, déixase unha mesa posta para que coman os mortos. Tamén déixanse castañas do magosto para que coman os defuntos.
  • Nos soutos déixase a cacharela prendida, para que as ánimas que veñan á festa poidan quentarse… Estes costumes, foron perdéndose en Galicia.
  • Realízanse colares feitos con castañas cocidas (zonchos). Cada castaña comida smboliza unha alma liberada do purgatorio. Os pequenos adoitan xogar con eses colares antes de comelos.
  • Os nenos e nenas piden polos que xa non están de porta en porta
  • Baléiranse e tállanse cabazas con caras que dan medo.

O magosto é unha festa íntimamente relacionado co día dos mortos. A parte profana do magosto é quizais a que aínda se celebra con máis forza nos meses de outubro e novembro. Os rapaces e rapazas xogan a tisnarse a cara coas cinsas, cántanse coplas alusivas ás castañas e a música dos grupos de música tradicional amenizan a festa.