VERSoamos é o nome que demos a este proxecto no que participamos tres centros educativos do concello de Vigo: CPI Ría de Vigo, IES Coruxo e Cmus Profesional de Vigo. O proxecto está encadrado dentro dos programas Proxecta+ e Programa Innova, ambos promovidos pola Consellería de Educación.
Trátase dun encontro poético-musical arredor da figura de Luisa Villalta, poeta á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Constará de dous eventos a realizar no mes de maio:
O primeiro será o día 22 de en horario de mañán. Alumnado e profesorado dos tres centros educativos implicados daranse cita na Vila romana de Toralla para a realización dun encontro que terá como ingrediente principal un taller de creación poético-musical. Ademais poderemos visitar ás ruínas da vila romana e disfrutaremos sendo protagonistas de varias actuacións musicais, teatrais e de recitado.
O día 27 de maio en horario de tarde, inauguraremos no paseo de Coruxo uns paneis instalados previamente con fragmentos de poemas de Luisa Villalta. En cada panel irá aloxado un QR mediante o que poderemos conectar, cuns vídeos nos que se poderán ler e escoitar eses mesmos poemas completos con música creada e/ou interpretada para tal efecto. Mostraremos deste xeito o traballo realizado polo alumnado durante este curso: selección, declamación e musicalización dos poemas. Música e palabra danse a man para coñecer un pouco máis a fondo a obra poética de Luisa Villalta. Os paneis estarán instalados durante un ano, ata que sexan sustituídos polos traballos correspondentes á figura homenaxeada do ano que vén. Algúns deses vídeos podemos velos aquí.