Ás voltas coa lingua galega no Cmus Vigo
Letras Galegas 2024: Luisa Villalta – Biografía
Letras Galegas 2024: Luisa Villalta – Biografía

Letras Galegas 2024: Luisa Villalta – Biografía

Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña no ano 1957. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e alí licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa. Dedicou parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Era tamén titulada superior en violín, ou violino (como ela lle chamaba sempre a este instrumento). Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.
 
 Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega. A súa escrita foi premiada varias veces: no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por A taberna do holandés; no XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario En concreto; postumamente, recibiu o Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por En concreto, etc.
 
 A súa experiencia musical, sen dúbida, influíu na súa creación literaria. Diso deixou constancia no ensaio O outro lado da música, a poesía (1999) e en artigos como A Música e Nós (2002), Poética: Sobre un certo estado de conciencia (2002) ou A língua dos sons (2003), onde fala da relación entre a palabra e a música e da súa experiencia persoal nos momentos de creación.
 
 Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural. Participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias e colaborou nunha chea de publicacións periódicas, como Man ComúnA Nosa TerraFesta da Palabra SilenciadaTempos NovosGrialLuzes de GalizaAgáliaBoletín Galego de LiteraturaA Trabe de OuroEnclavePáginaabierta, etc. En moitas destas colaboracións podemos percibir a personalidade de Luísa Villalta e a súa consciencia social, de modo particular nos artigos publicados entre os anos 2002 e 2004 en A Nosa Terra, compilados no Libro das colunas (2005). Sensíbel e contundente, puña en evidencia a hipocrisía política, denunciaba os valores e a apatía dunha sociedade ferozmente capitalista ou criticaba os responsábeis dos desarranxos sociais, sempre do lado das persoas máis desfavorecidas e nun ton construtivo.
 
 Seguramente foi a súa sede de xustiza, a súa sede de sermos un país avanzado, un país culto, o que a levou a implicarse socialmente: formou parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coordinou a área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, participou no Foro Negro, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística e comprometeuse en favor dos dereitos lingüísticos do pobo galego.
 
 Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo. Así, equiparou Isto é poesía, un ruído provocado. […] Isto é tamén unha muller que resiste, e así, no seu poemario Papagaio –entre imaxes tomadas no transcurso da demolición deste barrio da Coruña coñecido pola prostitución–, os seus textos fálannos da vida das putas, empregando esta palabra sen rubores e con toda a dignidade.
 
 A morte chegou para Luísa Villalta dun modo inesperado, por causa dunha parada cardíaca, o 6 de marzo de 2004. Tiña 46 anos e unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas.
 
 No mesmo ano da súa morte xorden dúas iniciativas que lembran o seu nome e o seu labor en convocatorias anuais. No I.E.S. Isaac Díaz Pardo de Sada –onde ela foi profesora– convócase o Certame Literario Luísa Villalta; e, no contexto da comunidade universitaria, convócase o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, para a promoción do uso do galego nas tres universidades galegas. A Deputación da Coruña convoca, tamén anualmente, o Premio Luísa Villalta a Proxectos pola Igualdade a partir de 2018

Cerradelo, Silverio : Luísa Villalta. Publicado o 10/1/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4163. Recuperado o 30/01/2024

OBRA:

POESÍA

  • Música reservada. Sada: Ediciós do Castro, 1991.
  • Ruído. A Coruña: Espiral Maior, 1995.
  • Rota ao interior do ollo. Lisboa: Edições Tema, 1995.
  • En concreto. A Coruña: Espiral Maior, 2004.
  • O Papagaio. Santiago de Compostela: Laiovento, 2006.
  • As palabras ingrávidas. Santiago de Compostela: Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, 2020. Edición de Armando Requeixo.
  • Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004). Vigo: Galaxia, 2023. Edición de Armando Requeixo.

NARRATIVA

  • Siléncio, ensaiamos. A Coruña: Vía Láctea, 1991.
  • Teoría de xogos. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 1997.
  • As chaves do tempo. Vigo: A Nosa Terra, 2001.

TEATRO

  • “Concerto para un home só”, Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 76. A Coruña, 1989.
  • “O representante”, Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 85. A Coruña, 1990.
  • “O paseo das esfinxes”, Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 88. A Coruña, 1991.
  • “Os dóces anos da guerra”, Revista Galega de Teatro, nº 29. Vigo, 2001
  • Sinfonía de escenas: obra dramática completa de LuísaVillalta. A Coruña: Edicións Proscritas e A. C. Alexandre Bóveda, 2018. Edición e notas de Alexandrina Fernández Otero e Lino Braxe.

ENSAIO

  • O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 1992.
  • O Outro lado da música, a poesía : relación entre ambas artes na historia da literatura galega. Vigo: A Nosa Terra, 1999. Vigo: Galaxia, 2021.
  • Libro das colunas. Vigo: A nosa terra, 2005. Limiar de Xosé Enrique Acuña.

TRADUCIÓNS

  • Pasolini, Pier Paolo (1994): Manifesto por un novo teatro. A Coruña: Cadernos da Escola Dramática Galega. [Tradución e notas de Luísa Villalta].
  • Macchiavelli, Niccolo (1998): A Mandrágora. Santiago de Compostela: Laiovento. [Tradución de Luísa Villalta e Francisco Pillado Mayor].

BIBLIOGRAFÍA SOBRE A AUTORA

  • Anido Regueiro, Rubén [coord.] (2020): LuísaVillalta: muller de música e poesía. Sada: A.C. Irmáns Suárez Picallo. 2020. Coordinación de Rubén Anido Regueiro.
  • Polo Correo do Vento e Solla, Tania (2022): Tinta do mar. Pequena biografía de LuísaVillalta. Pontevedra: Lela Edicións.
  • Canosa, María (2023): LuísaVillalta, melodía de palabras. Vigo; Edicións Xerais de Galicia.
  • Maceda, Beatriz e Ríos, Eli (2023): LuísaVillalta. Alma de violino. Vigo: Edición Xerais de Galicia.