Este ano engadimos un novo personaxe á nosa exposición de entroido no conservatorio: O Follateiro.
Os follateiros e follateiras son a figura de entroido que representa ao concello de Lobios, concretamente da parroquia de Grou. Percorren os pobos e aldeas do concello ataviados co seu traxe anunciando a chegada do Entroido. Os follateiros e follateiras realizan o seu traxe con partes do millo, principalmente follato, grans de diferentes cores e carozos. Coñeces estas e outras palabras relacionadas co millo?
Os personaxes máis representativos do entroido en Galicia volven estar presentes no Cmus Profesional de Vigo. Estará o Merdeiro como figura do carnaval da nosa cidade, pero tamén outros personaxes doutras cidades e provincias galegas. A provincia de Ourense é na que con máis forza se vive o entroido, e son moitas as figuras que coñecemos procedentes de vilas e parroquias ourensás: Boteiro de Viana e Vilariño de Conso, Cigarrón de Verín, Peliqueiro de Laza, Pantalla de Xinzo, etc. Pero tamén Os Choqueiros de A Coruña, As Damas e Galáns de Cobres (Pontevedra) ou o Oso de Salcedo en Pobra de Brollón (Lugo) e moitos outros daranse cita nestas datas. Todos eles volven formar parte da exposición de entroido que temos un ano máis no conservatorio.