Ás voltas coa lingua galega no Cmus Vigo
Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego-Biografía
Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego-Biografía

Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego-Biografía

Francisco Jesús Benito Antonio Fernández del Riego (Francisco F. del Riego) nace na vila luguesa de Lourenzá en 1913, Coñece a Álvaro Cunqueiro no Instituto de Lugo, amizade que marcará a súa infancia. Esta relación desde cativos foi capital tamén para que Cunqueiro volvese á escrita en galego durante a ditadura.

En1930 marcha a Madrid e matricúlase en Dereito. Na capital recibe con entusiasmo a chegada da República e le aTeoría do nacionalismo galego de Vicente Risco, que marcará a súa posición política. Remata en Compostela os seus estudos de Dereito e cursa Filosofía e Letras, aínda que non conclúe a carreira. Grazas a Lois Tobío introdúcese no ambiente político e intelectual do nacionalismo: entra no Seminario de Estudos Galegos, coñece a Ricardo Carvalho Calero, Sebastián García-Paz, Antonio Fraguas, Xurxo e Xocas Lourenzo e un longo etcétera de persoeiros comprometidos coa Galicia daquel tempo e incorpórase tamén ao Partido Galeguista. Son anos intensos en que colabora asiduamente en diversas cabeceiras galeguistas: no xornal El Pueblo Gallego, nos semanarios A Nosa Terra e Ser, que dirixiu temporalmente, ou nas revistas AlentoNós e Galiza. Ao tempo asistía aos parladoiros composteláns, especialmente o que tiña lugar na imprenta do editor Ánxel Casal, e participa activamente na campaña de aprobación do Estatuto de Autonomía.

A sublevación militar de 1936 sorpréndeo nunha reunión no concello de Santiago e ante as primeiras detencións, paseos e asasinatos agóchase durante un tempo. O daquela profesor axudante de Dereito Civil da USC decide vestir o uniforme das tropas franquistas para salvar a vida, pero despois de estar na fronte é depurado da súa praza universitaria e inhabilitado para desenvolver cargos docentes e públicos. A súa carreira académica trúncase e decide abandonar Compostela e asentarse en Vigo, onde comeza a traballar como pasante no bufete de Valentín Paz-Andrade.


En 1940 casa con Evelina Hervella, a súa compañeira de vida.

O asentamento da ditadura trunca un intento de reorganizar o Partido Galeguista na clandestinidade e céntrase en actividades culturais. En 1949, xunto a Xaime Isla, pon en marcha un suplemento sabatino no xornal vespertino La Noche, que atendía a temas galegos e que por decisión gobernativa é clausurado só tres meses despois. O certo é que o réxime fascista sempre estaba atento aos seus movementos e foi detido en 1947 e 1955, sendo exculpado en ambas as ocasións.

Del Riego foi sempre un home ponte entre xeracións, ideoloxías e tamén entre a Galicia de aquén e alén mar, denominado por Ramón Piñeiro como o noso Ministro de Exteriores. Desde 1949 exerceu como correspondente do Centro Galego de Bos Aires en Galicia e, por encargo de Luís Seoane, envía unha crónica mensual titulada «Galicia cada trinta días». As súas relacións cos exiliados e emigrados en América intensifícanse ata o punto de que en 1954, co gallo do Día de Galicia, foi convidado a Bos Aires e Montevideo, unha viaxe na que puido reencontrarse con vellos amigos. Ao tempo está en contacto con toda a diáspora en América, como mostra o envío de colaboracións para a revista Vieiros que se publica en México.

O 25 de xullo de 1950, funda con Xaime Isla a Editorial Galaxia. Un ano despois publícase Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas e os cadernos da colección Grial, que se prohiben despois do cuarto número. Non conseguirán ata 1963 autorización para sacar de novo a revista que dirixirá ata o número 100 xunto a Piñeiro, a quen incorporaran ao proxecto como director literario.

En 1960 ingresa na Real Academia galega, e tres anos máis tarde instáurase o Día das Letras Galegas, unha conmemoración que propón el mesmo xunto con Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román. Ese mesmo ano prodúcese a doazón do patrimonio bibliográfico-documental de Fermín Penzol, créase en Vigo a fundación do mesmo nome e inaugúrase a primeira biblioteca da cidade da que Del Riego foi o seu director ata meses antes de falecer. É tamén en 1963 cando bota a andar a colección de poesía Salnés, xunto a Emilio Álvarez Blázquez e Celso Emilio Ferreiro, onde veu a luz o emblemático poemario Longa noite de pedra. E tamén nesa data volve á política e participa na constitución do Partido Socialista Galego (PSG), no que vai militar a carón, entre outros, de Xosé Manuel Beiras,

Os días a Del Riego rendíanlle e, amais das súas activades en Galaxia, Artes Gráficas e na Fundación Penzol, aínda lle daba tempo a escribir e dar ao prelo publicacións de carácter divulgativo como o Manual de Historia de la literatura gallega, a Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos, a Escolma de poesía galega III. O século XIXLetras do noso tempo e preparar antoloxías de diferentes autores, varios deles homenaxeados co Día das Letras Galegas. Tamén son fundamentais os libros O río do tempo. Unha historia vivida e Camiño andado, as súas memorias de vida, xunto á correspondencia que atesourou ao longo dos anos.

Non hai unha iniciativa cultural da época en que non apareza o nome de Del Riego: Padroado Rosalía de Castro, Museo Carlos Maside, Museo do Pobo Galego, Fundación Otero Pedrayo, Instituto Galego de Información, Fundación Vicente Risco ou Fundación Laxeiro… En 1997 é nomeado presidente da Real Academia Galega, cargo que desenvolverá ata o ano 2001. En vida doou á cidade de Vigo a súa biblioteca de máis de 30.000 volumes, o seu valioso arquivo persoal e a súa rica colección artística custodiada dende entón na Casa Galega da Cultura.

Faleceu en 2010 en Vigo, co descanso do traballo ben feito que lle foi recoñecido con numerosísimas distincións.

Villanueva, Malores : Francisco Fernández del Riego. Publicado o 14/1/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1374. Recuperado o 20/03/2023

RECOÑECEMENTOS, PREMIOS E DISTINCIÓNS

Premio Pedrón de Ouro

Medalla Castelao

Medalla da Cidade de Vigo

Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo

primeiro Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo

Galego Egrexio

Insignia de Ouro da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia

Premio Fernández Latorrre

Premio Otero Pedrayo

insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela

Premio das Artes e das Letras da Xunta de Galicia

Premio “Celanova, Casa dos poetas” 1998

Galego do Ano

Fillo predilecto de Lourenzá

Medalla de Ouro de Galicia

Fillo adoptivo de Nigrán

Premio Laxeiro

Premio Blanco Torres de Xornalismo da USC e do Concello de Cuntis

Premio Entreculturas

Premio Voces de Liberdade do PEN Clube de Galicia

Medalla de Prata da revista Industria Conservera

homenaxe Os bos e xenerosos da AELG (despois do seu falecemento)


CITA

“Soño unha Galicia ideal que no meu tempo non se realizou, pero que se pode realizar no futuro”

ENLACES WEB

Letras Galegas 2023 | Real Academia Galega

Francisco Fernández del Riego. Día das Letras Galegas 2023 (consellodacultura.gal)

Letras Galegas 2023 | Cultura de Galicia

Francisco Fernández del Riego | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Programación Letras Galegas 2023 | Cidade da Cultura

OBRA

ENSAIO

Galicia no espello (Buenos Aires, 1954)

Historia de la literatura Gallega (Vigo, 1951)

Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955)

Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957)

Letras do noso tempo (Vigo, 1974)

Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990)

Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).

LITERATURA DE VIAXES

As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983)

A pegada das viaxes (Vigo, 2000)

Portugal norteño (Vigo, 2000)

Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003)

Lourenzá (2004).

MONOGRAFÍAS

A xeración Galaxia (Vigo, 1996)

O señor da Casa Grande de Cima de Vila (Ourense, 1988)

Antolín Faraldo, o gran soñador (Vigo, 1998)

Con Pondal en Bergantiños (Sada, 2001)

O Padre Sarmiento e Galicia (Vigo, 2002)

NOVELA: O cego de Pumardedón (Vigo, 1992).

CARÁCTER AUTOBIOGRÁFICO

O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990)

Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).