Logo do éxito da exposición que preparamos o ano pasado, este ano repetimos actividade no Cmus Profesional de Vigo renovando pezas de roupa, calzado, xoiería e información arredor da indumentaria tradicional galega. Na entrada de maio de 2021 deste mesmo blog podes acceder a algunha información sobre o nome dalgunhas pezas e información sobre o traxe “de gala”, “de cotío” ou “de feira”.
Na exposición que temos neste momento no centro, están catro maniquíes, tres de mulleres e un de home, no que podemos ver as seguintes pezas:
Sara, nome que escollimos para un dos maniquíes, vai vestida de gala e loce as seguintes prendas: Saia negra de raso con decoración consistente en abollonado e tableado, mandil tamén de raso con ribete de veludo negro e gran greca de bordado ao aire. Na parte superior chaquetiña de raso tamén negro con botoadura de veludo cuberta cun mantón de manila cruzado en cor marfil. Por riba da cabeza leva unha manteleta ou mantela de veludo combinado con pano negro, decorado tamén cunha gran greca de bordado ao aire. Leva medias caladas en cor granate e botas axustadas cun pequeno tacón.
Ai Sara, Sariña
Ai Sara, ti é-la miña.
Ai Sara, “Sarón”
Ai Sara do corazón.
Rosa vai vestida de feira, cun refaixo negro de pano rematado por baixo cun cordón e cun rodo interior de algodón estampado con cadros. Por baixo da saia leva unha enagua branca de algodón decorada con lorzas e puntillas e por riba un mandil de picote. Na parte superior unha chambra de liño copia dunha antiga, cos tradicionais “riscados” en puños e pescozo. Por riba da chambra un mantón rameado de lá cruzado no peito e unha lera de picote atada no pescozo que cubre as costas para non pasar frío. Sobre a cabeza un pano tamén rameado sen atar e un sancosmeiro para cubrirse do sol. Nas pernas medias negras de lá e nos pés escarpíns de lá en cor natural. Como calzado unhas tamancas negras.
Vente comigo Rosiña,
deixa quedar a roseira,
que de noite chove auga,
rosa mollada non cheira.
Carme, como Sara, vai vestida tamén de garda. Leva refaixo de pano en cor mostaza con cintas de veludo negro. Por riba un mantelo decorado con pasamanerías bordadas con pedrería e por baixo enagua e pololos de algodón brancos. Na parte superior leva camisa de gala axustada nos puños e mantón de manila bordado en diferentes cores. Por riba do mantón unha capotiña de pano negro decorado con veludo tamén negro e pedrería a xogo co mantelo. Leva tamén un pano do pescozo anoado en tea brocada. Nas pernas media calada branca e como calzado zapato baixo.
Vén Bailar comigo Carmiña, Carmela.
Con zapato baixo e media de seda.
Con media de seda e media calada,
Vén bailar Carmiña, miña namorada.
Por último temos a Manuel, con pantalón de liño en cor natural e faixa negra por enriba anoada. Na parte superior camisa de liño bordada e unha almilla vermella coas tradicionais decoracións realizadas en pano negro. Cubrindo a cabeza un chapeu e nos pés uns escarpíns de lá en cor natural e uns zocos de coiro.
Manuel, Manueliño
Manuel da casa alta.
Moito lle queren as mozas
Porque toca ben a gaita