Nace en 1903 en Córgomo, na comarca de Valdeorras, Ourense. O contacto na nenez coa paisaxe de terras de labor consagradas desde antigo ao cultivo das videiras terá unha presenza constante nos seus versos. Con 6 anos marcha a Ourense e con 10 a Palencia, onde estuda o bacharelato; son traslados forzosos motivados polo traballo do seu pai, enxeñeiro agrónomo. En Valladolid cursa a carreira de Dereito.
En 1928, cando o seu pai se asenta na Coruña, el retorna a Valdeorras e prepara as oposicións para rexistrador. Traballa nun bufete de O Barco de Valdeorras, organiza festas e promove actividades culturais. Nesa época comeza a publicar os primeiros versos en xornais e revistas como Heraldo de Galicia e A Nosa Terra. En 1934 sae do prelo o seu primeiro poemario, Bebedeira, unha obra de exaltación da terra natal próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo, moi ben acollida pola crítica.
O seu compromiso con Galicia fai que se achegue aos labores en prol da lingua como membro das Irmandades da Fala, sexa socio protector do Seminario de Estudos Galegos e en 1933 ingrese no Partido Galeguista. Neste tempo relaciónase con Castelao, Alexandre Bóveda e Otero Pedrayo e con eles participa na campaña a prol do Estatuto de autonomía.
Co comezo da Guerra Civil marcha a Portugal e desde alí a Francia. Dous anos despois trasládase á Barcelona republicana; noméano secretario de propaganda do Partido Galeguista, publica poesía de combate e xestiona a saída de guerrilleiros por Portugal. En 1939, novamente desde Francia, organiza a evacuación dos refuxiados a América e parte no buque Ipanema canda 997 exiliados máis, con destino a Veracruz. En México participa activamente na vida cultural dos galegos emigrados e funda, con Illa Couto e Carlos Velo, a revista Saudade. En 1943, colabora no libro Cancioneiro da loita galega cunha serie de poemas asinados co pseudónimo de Nadel. Participa tamén na obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) con traducións do francés de Rimbaud, Mallarmé, Valéri e outros.
Nos anos cincuenta foi o promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953) e editou, con Carlos Velo e Luis Soto, Vieiros, a revista máis importante do exilio galego. En 1963, publica o libro Galicia Infinda, no que inclúe unha serie de poemas con temática mexicana.
En 1968, despois de 32 anos, volve a Valdeorras. Regresa outra vez en 1976, con Celia, a súa muller, e, xa por último, en 1981. Desta vez, toma posesión como Membro de Mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses e é recoñecido como membro correspondente da Real Academia Galega. Tamén neste mesmo ano aparece Cantarenas, que recolle poemas xa editados en Bebedeira e Galicia infinda a canda outros de recente creación dedicados ao viño. En 1986, publica O soño do guieiro, un libro en homenaxe a Castelao no que destacan os seus poemas de loita e compromiso.
O día 14 de maio de 1987, aos 84 anos, morre en Fair Oaks (California) na casa dunha das súas fillas. As súas cinzas repousan no cemiterio de Córgomo, á vista da súa amada Valdeorras, a onde sempre quixo volver.
En 2021, a Real Academia Galega acorda dedicarlle o Día das Letras Galegas 2022. A través da súa figura tamén se homenaxea, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México.