1934 – Bebedeira
Chega 1934 e sae do prelo da editorial Nós, Bebedeira que reúne textos maiormente xa publicados, a escolla faise deixando fóra os de corte social e reivindicativo. Neste primeiro libro aparece unha homenaxe á terra e á paisaxe Valdeorresa, con poesías de corte sensorial e evocadoras da cosmogonía valdeorresa coa viña e o viño no centro; a máis dos efectos da bebedeira ou borracheira que nos trasladan a un mundo onírico. Nunha lectura superficial parece que crea un mundo deshumanizado no que os protagonistas deixan de lado ao home para dar paso aos paxaros, vento, castiñeiros; á natureza en xeral. Mais as imaxes e metáforas transpórtannos a cenas de amor e a algunha nota social ou chamamento á redención. O éxito do libro é inmediato.
Coa chegada da Guerra Civil todo queda en suspenso, mais só o que se refire á publicación porque o seu maxín estaba ateigado de versos de ira ante as inxustizas que estaba a ver. Publicou dende Barcelona no xornal madrileño Nueva Galicia no 1937 “Amencer”, “Ía a misa de doce”, “levan o Cristo por fóra”. Que analiza as barbaries da guerra e sobre todo a dobre moral e a falsa relixiosidade. Desta época tamén é “Home pequeno-fol de veneno”, o poema máis valente no que o personaxe principal é o xeneral Franco.
1943 – Cancioneiro da loita galega
Xa no seu exilio mexicano a través da revista Saudade, e como iniciativa do Partido Galeguista, sacan á luz esta antoloxía de poemas coa que querían homenaxear aos compañeiros caídos na Guerra Civil. Particularmente el tiña tres espiñas cravadas no peito, tres asasinatos, tres amigos que honra nos poemas “Alexandre Bóveda”, “Segundo García Núñez” e “Un guerrilleiro” . Participan varios poetas, todos baixo pseudónimos, Rey Baltar, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Bieito Búa Rivas, Emilio Pita, Chita Lamas e Ramón Cabanillas Álvarez. Florencio ademais de colaborar con dezáseis poemas, nove dos cales os que xa foran publicados no xornal Nueva Galicia no medio da contenda, parece que tamén realiza tarefas editoriais da obra.
1949 – Poesía inglesa e francesa vertida ao galego
Nesta obra aparece outra faceta do poeta, esa que deixa ver o seu amor polo idioma e a súa intención de traballar pola súa dignificación. El era coñecedor da importancia que tiña a tradución ao galego dos grandes autores da literatura mundial. Presentouse a un concurso organizado pola Federación das Sociedades Galegas de Bos Aires e gañouno xunto a Plácido castro e Tobío Fernández . Entre os seus textos atopamos traducións de Rimbaud, Mallamé, Materlinck, Regnier…
1963 – Galicia Infinda
Por volta dos anos 60 sae do prelo de Galaxia este libro. Trátase dunha colleita de poemas, 43, que facían un percorrido por vinte anos de traballo. A obra estaba dividida en cinco seccións: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas Mexicanos. Nas primeiras recorda un pouco o estilo animista da primeira obra, introducindo os trazos novecentista e modernistas que xa atopamos en Bebedeira. A diferenza ofrécea a última parte na que a musicalidade e o sensualidade forman parte dun xogos rimáticos e léxicos que nos transportan cara o outro lado do Atlántico. Novas poesías cun ton completamente distinto, nas que podemos ver os trazos da cultura mexicana e máis concretamente da tradición musical dese país. Textos que el mesmo denominou como exemplos de creoulismo multi-étnico, como por exemplo “Noiturno da nova Jarocha” “Rumba pandeirada”
1981 – Cantarenas
Xa na contraportada nos indican que estamos diante dunha edición composta de tres obras, “Bebedeira”, “Valdeorresas” e “Dionisias” e por primeira vez aparece un texto en prosa un artigo centrado aos viños de Valdeorras. Unha fermosa composición de homenaxe e honra á Valdeorras e aos trazos que a definen. A publicación desta obra coincide co inicio das homenaxes que Florencio vai recibir en Valdeorras, da man do Instituto de Estudios Valdeorreses, e coa súa entrada na Real Academia Galega. Os poemas que conforman esta obra recordan os inicios da súa poesía poñendo de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético e a paisaxe como contexto ou pano de fondo da seus recordos e fantasías. Este fermoso libro a mais conta coas ilustracións dun bo amigo Xaime Prada nel atopamos un dos poucos textos en prosa do autor.
1986 – O Soño do Guieiro
O soño do guieiro nace uns anos antes da súa publicación. O seu xermolo foi un encargo que lle fan para a revista “Galicia” do Centro Galego de Bos Aires para conmemorar o 25 cabodano da morte de Castelao. Anos despois este será o título do seu derradeiro libro, no que recolle poemas de corte social e reivindicativo e no que homenaxea a este gran amigo e compañeiro político. Os poemas que aquí atopamos retoman o ton aparecido no Cancioneiro de Loita e onde case podemos translucir a personalidade do autor, aquí a acolá aparecen trazos anti-belicistas, liberais, anti-imperialistas mesturados con chamadas á loita.