Cando falamos do traxe tradicional galego podemos establecer dous grandes grupos atendendo ao uso que se lle daba ao mesmo: O traxe “de garda” ou “de gala” e o traxe “de cotío” ou “de faena”. O primeiro era o que se levaba nunha festa, nunha voda, etc. e estaba feito con panos caros e luxosos adobíos, e o segundo, moito máis modesto, empregábase para ir traballar. Non obstante, existe un traxe intermedio, nin tan rico como o primeiro nin tan pobre como o segundo, coñecido como “de media festa” ou “de ir á feira” co que se saía da casa para ir á vila, ao mercado ou á igrexa.
Dependendo da ocasión, a zona e as posibilidades, a muller viste camisa, enaguas, refaixo, saia ou vasquiña, mantelo, mandil, xustillo e dengue ou chaquetilla, pano do busto, mantón ou pano de oito puntas, e cobre a cabeza con pano, cofia ou mantela. O home leva camisa, cirolas, calzón, chaleco, chaqueta, faixa, e tócase con pucho, monteira ou tella. O calzado é, en ambos os casos, zocos ou zocas para os días de cotío e zapatos co traxe de gala.
Na pequena exposición que organizamos no Conservatorio Profesional de Música Vigo dentro dos actos de conmemoración da Semana das Letras Galegas, amosamos algunhas pezas de roupa de traxes de gala e feira sobre uns maniquíes que bautizamos como Maruxa, Don Manuel e Dona Elena.
Maruxa porta un traxe de liño co que ir á feira: nos pés leva escarpíns de lá e uns zocos. Enagua de algodón con encaixes, saia e mandil de liño, camisa de algodón bordada e pano de lá rameado. Leva colgada do brazo unha lera ou mandil de mostra e na cabeza un Sancosmeiro para cubrirse do sol.
Don Manuel leva cirolas e camisa de liño, chaleco e calzón de pano negro e polainas tamén de pano con puño de veludo. Os botóns son dourados tanto no chaleco como nas polainas. Leva faixa negra bordada e na cabeza un chapeu.
Dona Elena leva un traxe de gala: unha vasquiña de pano en cor marfil e un mandil a xogo. Ambos levan adobíos de pedrería. No busto ten a camisa e por riba un mantón de manila en cor mostaza. Por riba do mantón unha capotiña (ou parlamenta) en pano negro decorada con veludo e pedrería. Leva media calada granate, zapatos nos pés e para cubrir a cabeza conta cunha mantela bordada ao aire.