VI Día da Ciencia en Galego

Quedades convidados a participar na videoconferencia que completa a celebración do VI Día da Ciencia en Galego. Nesta ocasión a actividade vai dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º da ESO. Vaise realizar o vindeiro martes 26 de abril e poderán participar todos os centros que se inscriban segundo o indicado abaixo. Somos conscientes do prazo tan escaso co que publicitamos a actividade, mais foinos imposible facelo antes debido á complexidade da organización dun evento semellante.

Descrición da actividade

Título: “Arpa Leap Motion”.
Relator: Susana Oubiña Falcón. Profesora de Tecnoloxía no IES de Vilalonga e investigadora. Licenciada en Ciencias Físicas na especialidade de Electrónica pola USC e Máster en Enxeñería Telemática pola UVigo. O seu traballo fin de máster centrouse na temática da gamificación cun proxecto de investigación sobre a gamificación na contorna escolar baixo unha rede social: “Proposta gamificadora baixo a rede social Edmodo”. Desenvolve actividades varias de formación e divulgación da robótica e a realidade aumentada nos niveis de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Destinatarios: alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º da ESO.
Data e hora: martes 26 de abril entre as 11:30h e as 12:30h.
Sinopse: O reto consiste en conseguir deseñar, programar e facer soar unha arpa, para así poder crear a nosa propia música. Para conseguilo, introducirémonos na robótica utilizando o software Scratch 2.0, que conectaremos ao dispositivo de infravermellos Leap Motion. Como produto final, obteremos un instrumento musical (arpa) que poderemos usar de forma moi sinxela: só movendo no aire os dedos das nosas mans.

Accede a información técnica e sobre o proceso de inscrición en: http://www.coordinadoraendl.org/cienciaengalego/2015/videoconferencias.php